xoves, 8 de febreiro de 2018

PUBLICADAS AS AXUDAS PARA COMERCIO E AUTÓNOMOS

Un ano máis, a Dirección Xeral de Comercio vén de publicar as axudas destinadas ao sector do pequeno comercio. Desta volta, saíron dúas ordes de axudas que detallamos a continuación:

  • AXUDAS Á EXPANSIÓN COMERCIAL (CÓD. IN228A). Ten dúas liñas de subvención, unha destinada a novas aperturas de comercios na que se financian reformas, mobiliario, equipamento, mellora de fachadas e proxecto técnico [investimento máximo subvencionable de 60.000€ e mínimo de 10.000€]. A outra liña de axuda está destinada á apertura de pop ups ou tendas efímeras [investimento máximo subvencionable de 8.000€]. A intensidade destas dúas axudas é do 50% do gasto total subvencionable. (Ver no DOG).
  • AXUDAS Á DIXITALIZACIÓN E MODERNIZACIÓN COMERCIAL (CÓD. IN201H). Como na anterior, esta orde ten dúas liñas de axudas; unha, de dixitalización, que financia ao 50% os seguintes gastos (IVE excluído): 4.000€ páxinas web de venta, 1.000€ páxinas web sen venta ou mellora da web de venta, 5.000€ para packaging da venta online e 3.000€ para software empresarial. A outra liña de axudas, de modernización do local, financia ao 50% (excluído IVE) obra/reforma no espazo de venta, adquisición de mobiliario ou equipament e mellora da fachada exterior. O investimento máximo subvencionable é de 30.000€ e o mínimo de 15.000€. Ademais destas dúas liñas de axuda, cabe destacar que a través desta orde se pode solicitar un servizo de formación gratuíto en redes sociais. (Ver no DOG)
Doutra banda, en relación á contratación laboral, tamén debemos destacar que o DOG publicou unha liña de axudas á contratación. Concretamente, financian o emprendemento en traballadores autónomos e a contratación, por parte deste colectivo, de persoal asalariado con carácter indefinido. Podes consultar as bases premendo aquí.

INFORMACIÓN E TRÁMITES
Dende a Asociación lembrámosvos que os trámites destas axudas, así como a información detallada sobre estas convocatorias, é totalmente gratuíta para asociados. Podes contactar con nós no teléfono 981 832 910 ou nos correos ccadean@gmail.com - info@deanshop.es, ou tamén visitándonos na Tenda Escola Deán.

CONCLÚE OUTRA CAMPAÑA DE NADAL

Como xa vén sendo habitual en novembro, o CCA DEÁN iniciou a campaña de nadal con catro actuacións fundamentais. Dunha banda o Black Friday, nos días 24 e 25, actividade que tivo presencia tamén na nosa web DEANShop. 

Deseño dos vinilos instalados nas tendas do Deán

Xa en pleno nadal, dende a Asociación volvimos sacar, unha vez máis, a campaña da lotaría de Reis, repartindo décimos aos socios e participacións de 0,10€ a os clientes das tendas adheridas ao CCA. Así tamén, colaboramos na campaña da ludoteca de nadal do Concello da Pobra do Caramiñal, repartindo entradas gratuítas por cada compra de 5€ no comercio local.

Cartel promocional
En canto á web, activamos unhas condicións de compra máis vantaxosas para fomentar as compras, entre as cales estiveron as devolucións ata o 15 de xaneiro (mercando dende o 7 de decembro do 2017), servizo de personal shopper online, envoltorio agasallo gratis, envío 24/48h gratis a toda península e, ademais, creáronse unhas guías de agasallos para home e para muller, facilitando a elección de productos por prezo e xénero. Cabe destacar que na campaña de nadal, a plataforma DEANShop aumentou o seu tráfico nun 220% e triplicou as ventas respecto ao mes precedente.

Deseño da "homepage" DEANShop no nadal

martes, 19 de setembro de 2017

DEANSHOP INTÉGRASE CON GOOGLE SHOPPING

O comercio electrónico supón unha canle de venta cada vez máis frecuente nos clientes do sector moda, calzado e complemento. Segundo datos ofrecidos pola CNMV, esta modalidade de venta aumentou un 20% en 2016 respecto ao ano anterior.
Conscientes deste novo escenario, dende a Asociación e o Concello da Pobra puxemos en marcha, un marketplace ou páxina web de ventas onde o comercio local vende conxuntamente as súas coleccións (www.deanshop.es). En relación á xestión deste proxecto hai, polo de agora, dúas datas referenciais; unha é a inauguración da propia páxina o 2 de abril e outra é o 14 de setembro, día no que DEANShop finalizou o proceso de integración con Google Shopping.
¿Pero que é Google Shopping?
É unha ferramenta SEM (ou posicionamento de pago) mediante a cal o buscador Google, o máis importante a nível mundial, posiciona as existencias de DEANShop nas primeiras posicións de resultados que se lle amosan aos usuarios. A información do catálogo de DEANShop está conectada directamente con Google Shopping, co cal o buscador únicamente ofrece publicidade no caso de que exista stock e tallas para a información solicitada polo usuario.
As dúas consecuencias máis importantes desta estratexia é o aumento do tráfico á web e das conversións, isto é, das ventas, xa que o buscador ofrece mercar o catálogo de DEANShop ao mesmo nivel que outros marketplaces como poden ser Amazon ou Spartoo.

Exemplo de búsqueda en Google
Na mesma liña, tamén se procedeu a activar unha estratexia de remarketing dinámico, isto quere dicir que os usuarios que buscaron produtos a través de Google Shopping e visualizaron o catálogo de DEANShop, acabarán observando publicidade do noso marketplaces en múltiples webs; nestas accións promocionais os usuarios unicamente verán produtos semellantes ou análogos aos que localizaron previamente no buscador.

Informe do tráfico de DEANShop
En canto á orixe do tráfico web, é dicir, mediante que tipo de canles acceden os usuarios a DEANShop, cómpre reseñar que o 35,1% accede porque o busca en Google (posicionamento -SEO), o 30,8% accede por búsqueda patrocinada en Google Shopping (posicionamento -SEM), un 22,9% accede directamente introducindo o enderezo da web no seu buscador e un 7% accede facendo clic a través de entradas publicadas nas redes sociais de DEANShop.


En canto á procedencia xeográfica dos usuarios de DEANShop dentro do propio Estado, son destacables a comunidade de Madrid, Catalunya e Galicia; mercados que supoñen, en termos medios, o 63% da facturación total.


En canto aos atributos demográficos do tráfico, cómpre dicir que o perfil medio do usuario de DEANShop é un home de 25-34 anos. Este dato contrasta co feito de que, en termos xerais, por cada dous pedidos de homes se rexistran tres efectuados por mulleres. 


Atentendo ás pautas comportamentais que manifestan os usuarios en DEANShop, é significativo o 68,7% son novos visitantes, de media visualizan 3 páxinas e permanecen navegando uns 163 segundos.

venres, 11 de agosto de 2017

CONVOCADAS AS AXUDAS Á EXPANSIÓN COMERCIAL

Imaxe dun comercio local
A Dirección Xeral de Comercio vén de convocar unha nova orde de axudas destinadas á expansión comercial. Estas liñas de subvención están destinadas a comerciantes galeg@s que exercen a actividade comercial dende os últimos dous anos e financiarán tres tipos de actuacións que indicamos de seguido:
  1. Apoiaranse con ata 30.000€ de subvención proxectos tendentes á apertura de novos establecementos de empresas xa en marcha, ou proxectos de especialización ou diversificación de produtos que respondan a novas tendencias de consumo. O proxecto deberá incluír un compromiso de contratación dunha persoa por un período mínimo de 12 meses. Gastos subvencionables: (1) adquisición de moblaxe ou equipamento para a exposición, (2) obras de reforma e acondicionamento integral, (3) actuacións de mellora da fachada do local e (4) servizos profesionais de elaboración e redacción de proxectos técnicos. Porcentaxe de subvención: 50%
  2. Concederanse ata 3.500€ para proxectos piloto de Pop Up Stores ou tendas efímeras, consistentes na apertura por un prazo máximo de dous meses dun novo establecemento nun concello distinto ao que se exerce habitualmente o comercio co obxectivo de testar un mercado novo. Gastos subvencionables:  (1) alugueiro do local comercial cun máximo dúas mensualidades, (2) o acondicionamento da superficie de exposición e venda do local comercial e mellora da imaxe da fachada do local comercial, (3) a adquisición ou alugamento de moblaxe ou equipamento especializado para a exposición do produto que sexa necesario para o desenvolvemento da actividade comercial e de uso exclusivo na superficie de exposición e venda. Porcentaxe de subvención: 50%
  3. Apoiarase ata 1.080€ proxectos de titorización destinados á expansión comercial dixital, quer dicir, asesoramento profesional e especializado para a implantación e titorización dun plan de comunicación dixital personalizado e axeitado ao target do comerciante, definindo unha estratexia comercial dixital de expansión. Para esta actuación o investimento máximo subvencionable será de 1.800,00€ e a subvención poderá chegar a un 60% dese investimento (excluído o IVE),
O prazo de presentación de solicitudes remata o 11 de setembro do 2017. Para máis información ou trámites, non dubides en contactar co Deán no teléfono 981 832 910, no correo ccadean@gmail.com ou visitándonos na Tenda Escola Deán en horario comercial.
[Ver a orde de axudas premendo aquí]

domingo, 6 de agosto de 2017

186 O NÚMERO PREMIADO CO VALE DE COMPRA

No transcurso da VI edición do Comercio na Rúa, na xornada do 6 de agosto, tivo lugar o sorteo do vale de compra por importe de 50€. O número 186 foi a combinación gañadora. O portador deste vale de compra disporá ata o 6/9/2017 para canxealo, ben nunha tenda física ou ben a través de www.deanshop.es.
As tendas físicas nas que se pode canxear o vale son: Centrosport, Deportes Maniotas, Sportmoda, zapatería Mandarina, Mi Barquito de Papel, Boutique Burbujas, Fina Campaña, Óptica Argos e Entrena Galicia.

mércores, 2 de agosto de 2017

EN MARCHA A 6ª EDICIÓN DO COMERCIO NA RÚA

De esq. a dta: a concelleira de Comercio, Rosario Varela,
o Alcalde Xosé Lois Piñeiro e a Presidenta do Deán,
 Amparo Cerecedo
Un verán máis o Concello da Pobra e a Asociación do Pequeno Comercio-CCA Deán, veñen de presentar unha nova edición, a sexta, do Comercio Na Rúa.
Nesta ocasión, a inciativa comercial recae na primeira fin de semana de agosto, do día 4 ao 6, no horario ininterrompido habitual; o venres de 17 a 00h e o sábado e domingo de 11 a 00h.
A organización da feira instalará 15 postos individuais na praza do Emigrante (A Pobra do Caramiñal) nos que estarán representados os seguintes sectores: boutique feminina, denim para home e muller, sportwear ou moda sport, tendas deportivas, moda e calzado infantil, zapatería de adulto e óptica. Ademais, contaremos cunha zona relax de café-bar. É destacable que non se trata dunha feira de oportunidades ao uso, xa que nela contaremos con produto de ultimísima tendencia.
Tamén queremos destacar que as primeiras 600 rifas entrarán no sorteo dun vale de compra, canxeable na feira ou nos establecementos locais participantes nos seguintes 30 días.
Deixamos a continuación o programa e horarios da feira:

VENRES
17:00h Apertura da feira
20:00h Inicio sesión DJ
20:30h Inauguración institucional (Alcalde da Pobra do Caramiñal, Presidenta do Deán e corporación municipal)
23:59h Peche da feira

SÁBADO
11:00h Apertura da feira
19:00h Apertura inchable (dispoñible ata as 22h)
20:00h Inicio sesión DJ
23:59h Peche da feira

DOMINGO
11:00h Apertura da feira
20:00h Inicio sesión DJ
20:00h Sorteo dun vale de compra* no stand do Deán
23:59h Peche da feira

*O número premiado no sorteo do vale de compra será informado no propio stand do Deán, no Facebook e Twitter do Deán Cca e no noso blog. A persoa premiada disporá de 30 días para consumilo. 

luns, 26 de xuño de 2017

MÚSICA MÁIS ALÁ DA SGAE

Nos últimos meses, foron varios os asociados do Deán que reportaron múltiples inicidencias en canto á reproducción de música nos locais comerciais e hostaleiros, xa que recibiron a visita de técnicos da SGAE para apercibilos e informalos das sancións ás que se expoñen. Antes de nada, cabe dicir que os técnicos da SGAE non teñen a consideración legal de "autoridade", polo que se o empresario o considera, pode expulsalos do seu negocio.

En canto á reproducción de música, é certo que, segundo a Lei de Propiedade Industrial, pola súa emisión nos locais públicos hai que pagar dereitos de autor, pero ademais da opción de aboar a cota á SGAE, existe a posibilidade de empregar música libre destes dereitos a través doutras plataformas que dispoñen de certificados para a emisión de música.

As principais plataformas que ofrecen música libre de dereitos de autor (opcións moito máis económicas que a da SGAE ou incluso gratuítas) son as seguintes:

  • www.freemusicprojets.com Permite elixir varios tipos de licencias. A máis económica é de 42€/ano.
  • www.jamendo.com Ten 350.000 cancións de todos os estilos. Permite compartir listas e álbumes e é das máis populares, entre outras razóns porque se pode atopar en castelán. Ademais, para tendas, ogrece ata unha trintena de cadenas de radio diferentes.
  • www.freemusicarchive.org É unha fonoteca interactiva de música libre. Está dirixida por unha emisora de radio estadounidenese que ten un equipo de expertos que selecciona cada unha das pezas que conforman o arquivo.
  • www.opsoun.org Permite aos usuarios e usuarias distribuír música e arquivos baixo licenza Creative Commons.
  • www.soundcloud.com Ten unha gran variedade de cancións legais e libres de dereitos.
[Información técnica elaborada a partires dun informe do departamento xurídico da FGC]

luns, 19 de xuño de 2017

AXUDAS Á MODERNIZACIÓN COMERCIAL 2017

Un ano máis, a Dirección Xeral de Comercio vén de convocar as subvencións á modernización comercial. Este ano, a orde de axudas -que estará aberta ata mediados de xullo- sufriu substanciais modificacións, dado que agora xa non se subvencionarán actuacións vencelladas ao empaquetado, adquisición de software ou creación de páxinas web.
As actuacións subvencionables son as seguintes:

  1. Proxectos de modernización integral do local comercial incluídos nun proxecto técnico de decoración e interiorismo. Para o conxunto destas actuacións, o investimento máximo subvencionable será de 30.000 € (IVE excluído) e o investimento mínimo, de 15.000 € (IVE excluído). A porcentaxe de subvención será o 50 % do investimento máximo subvencionable. O investimento máximo subvencionable ampliarase ata 2.000 € para atender os custos polos servizos profesionais de elaboración e redacción do proxecto técnico de interiorismo e decoración, sempre que este non supere o 10 % do investimento total solicitado.  
  2. Proxectos de renovación e mellora da imaxe comercial, sempre que impliquen unha renovación clara e directa da imaxe do establecemento comercial. O investimento máximo subvencionable será de 60€ (IVE excluído) por metro cadrado do espazo de venta, cun investimento mínimo de 3.000€ en locais de 50m2 ou máis e 1.500€ para os que non acaden ese espazo. A porcentaxe de subvención será do 40%.
  3. Servizos dun xestor de redes sociais. A axuda consistirá nun tícket para a xestión de redes sociais, no marco do Programa de Social Commerce. 
Non terán consideración de gasto subvencionable os seguintes:

– As obras ou actuacións en probadores, cuartos de baño, oficinas, almacéns e outras dependencias non afectas ao uso da actividade de exposición e venda. 
– Os permisos, licenzas ou cotas de colexios oficiais ou calquera outro tributo ou imposto. – A instalación de sistemas de alarma, seguridade ou similares. 
– A adquisición de materiais ou outros elementos para a realización das obras por parte do propio solicitante. 
– A adquisición de bens usados, de moblaxe e artigos de exposición e proba, susceptibles da venda posterior ao público e de expositores de carácter temporal ou de uso exclusivo en campañas promocionais. 
– A adquisición de televisores e reprodutores de son ou imaxe.

Dende o Deán lembrámoslle a todos os nosos socios que dispoñen dun servizo de asesoramento e tramitación destas axudas. Para solicitala, poden poñerse en contacto coa Asociación no teléfono 981 832 910 ou no enderezo electrónico ccadean@gmail.com.